Friday 13 de September de 2024

Inés Rey: “Luís Seoane legounos un luxo de obra  que hoxe volve a estar a disposición da cidadanía” 


A alcaldesa presidiu a apertura da mostra ‘Identidade, memoria histórica  e movementos sociais’ que estará aberta á cidadanía durante un ano na  Fundación 

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta tarde a  apertura ao público da mostra ‘Identidade, memoria histórica e movementos sociais’, que  supón a exposición da obra de Luís Seoane na fundación que leva o seu nome tras tres  anos de ausencia. A rexedora estivo acompañada da directora da Fundación Luís Seoane,  Carmen Jiménez, e das comisarias da exposición, Silvia Longueira e María Antonia Pérez. 

“Luís Seoane deslumbrou ao mundo levando sempre a cidade e Galicia por diante,  legándonos un luxo de obra que hoxe volve a estar a disposición da cidadanía”, sinalou a  alcaldesa durante a súa intervención. A exposición permanecerá aberta á cidadanía na  Fundación Luís Seoane durante un ano. 

Este proxecto reúne óleos, gravados, debuxos e produción editorial contextualizados dentro  de tres grandes bloques temáticos, que poñen de manifesto diferentes aspectos do  pensamento do artista galego. As vangardas europeas, a reivindicación da historia,  tradicións e identidade galegas, a arte e cultura americanos, o compromiso político e a  incorporación de Galicia aos postulados da modernidade son os fíos condutores desta  exposición. “Apostamos pola cultura de vangarda e pola modernidade que caracterizou  sempre a esta cidade e a que tanto empeño puxo en difundir por Galicia o propio Seoane”,  dixo a alcaldesa. 

A exposición incluirá un programa de visitas guiadas para adultos e, a partir do mes de  setembro, acollerá á comunidade educativa. A mostra contará con máis de 50 pezas, entre  óleos, obra gráfica, debuxos, produción editorial e outros soportes, distribuídas en dúas  salas segundos os tres apartados aos que fai referencia o seu título: Identidade, Memoria Histórica e Movementos Sociais.